TRATAMENTO ANTIVARROA 2009
A Consellería do Medio Rural subvenciona o tratamento antivarroa neste ano 2009. Xa que logo, os abelleiros rexistrados recibirán no seu domicilio unha carta coas instrucións e un vale para ir á Oficina Agraria Comarcal e solicitar o produto.
Desde AGA programamos para o mes de agosto unha rolda do noso veterinario para expedir as receitas necesarias para a adquisión do produto, pero tamén vale calquera outro veterinario privado.
Hai que ir ó local co Libro de Explotacións Apícolas, e pode ir calquera persoa ou mesmo encargarlle o libro a outro abelleiro.
Lugar Data Hora
Ourense, Apícola Carballal 1 de agosto 11-13
Apípolis, Pontevedra 1 de agosto 16-18
Mondoñedo, Oficina Agraria 8 de agosto 11-13
As Pontes, Casa do Mel 8 de agosto 16-18
Quiroga, Casa da Cultura 14 de agosto 11-13
Viana do Bolo, Pazo do Mel 14 de agosto 16-18
Abegondo, Casa das Abellas 29 de agosto 11-13
Arzúa, Centro do Queixo e do Mel 29 de agosto 16-18
COLLEITA DO MEL 2009
A Cooperativa Erica Mel comezará a colleita do mel deste ano a partir do 1 de setembro, en horario laboral en Arzúa e cos mesmas condicións que en anos anteriores.
Aos abelleiros da provincia de Ourense tamén se lles pode recoller coma en anos anteriores. Para iso as persoas interesadas terán que comunicarllo a Erica en Arzúa, antes do día 20 de setembro, no teléfono 981 508 142.
O prezo orientativo da colleita deste ano será de 2,70 €/quilo.
Na última asemblea de Erica Mel, entre outras cousas, aprobouse unha reforma dos estatutos que habilita aos abelleiros de AGA a seren socios de Erica sen inscribirse no Consello Regulador da Denominación «Mel de Galicia». Polo tanto os abelleiros que non entregan mel na cooperativa pódense dar de baixa na denominación, xa que non lles aporta ningún beneficio, só teñen que comunicalo por escrito na sede do Consello.
O enderezo do Consello Regulador é o seguinte: Pazo de Quián s/n. Sergude. 15881 Boqueixón (A Coruña). Tel/fax.: 981 511 913.
Na última asemblea tamén se elixiu novo Consello Rector de Erica Mel para os próximos catro anos, que queda composto polos seguintes membros:
Presidente : Manuel Gutiérrez Saavedra
Vicepresidente : Abel Yáñez Armesto
Secretario : José Fernández Fernández
Tesoureiro : Suso Asorey Martínez
Vogais : Julio López Allegue e Manuel Rey Gómez
APINOTICIAS
NOVOS SERVIZOS
A partir do 1 de setembro incorporarase como coordinador xeral Gonzalo Calvo, apicultor, asociado noso, veterinario do Plan Apícola e responsable do Programa de «abellas resistentes á varroa» de AGA. Polo tanto, hai que sinalar que as consultas sobre sanidade apícola, necesidades de visita á explotación, receitas, etc., xa se xestionan desde Arzúa.
REGULAMENTACIÓN
A Consellería do Medio Rural aprobou o Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia. Aparece publicado no Diario Oficial de Galicia n.º 126, do 30 de xuño de 2009.
No próximo número da revista Abelleira, que lles chegará a principios de outono, irá publicado o texto completo do decreto. Esta norma afecta sobre todo ós pequenos abelleiros de autoconsumo, con menos que 15 colmeas, que poderán ter as súas abellas ó lado da casa propia e a 25 metros da casa do veciño, e os que teñan menos de 4 colmeas poderán telas a 15 metros da casa do veciño.
Este decreto tamén permite presentar un Programa de «abellas resistentes á varroa», que xa o presentou AGA e permite cultivar abellas sen tratamentos químicos contra a varroa se non é necesario.
Fixa así mesmo as distancias dos apiarios transhumantes, polo que un apiario transhumante de máis de 26 colmeas non poderá instalarse a menos de 2 quilómetros doutro apiario rexistrado.
O novo decreto está dispoñible na nosa páxina web, na sección DESCARGAS - LEXISLACIÓN
ATENCIÓN AOS SOCIOS
No Centro do Queixo e do Mel, Arzúa.
Horario: De 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas, a diario
De 11 a 18 horas os sábados
Enderezo: Feiranova s/n. Santa María. 15819 Arzúa. A Coruña.
Tel.: 981 508 142 e 630 069 637.